PR-G 217 Ruta de Torrente Salgueiro

Para a realización desta ruta é preciso solicitar previamente unha autorización ao Parque Natural (988 788 755 ou no correo: parque.natural.xures@xunta.gal), debido a que transcorre por unha zona de protección especial.
Esta ruta lineal de 11,5 km ascende dende a parte baixa do concello de Muíños ata a aldea de Salgueiro, xa na parte alta da Serra do Xurés.
O sendeiro iniciase na casa reitoral de San Pedro de Muíños, pasando polas aldeas de O Agrelo e Picós, e pola Ermida da Clamadoira. Dende esta ermida teremos unhas boas vistas panorámicas do val do río Limia e do encoro das Conchas.
Continuaremos entre pequenas carballeiras e campos de cultivo ata chegar a aldea de San Salvador e cruzaremos o río Salas na Ponte de Prado.
Tras percorrer un tramo da ribeira do río Salas chegaremos ó val do Rego Salgueiro, e ascenderemos pola súa ribeira. O sendeiro discorre entre escarpadas ladeiras de pedra baixo abundante vexetación de ribeira e lévanos ata a aldea de Salgueiro.
Na aldea de Salgueiro atoparemos unha pequena poboación de montaña abandonada, cuxas casas foron adquiridas e restauradas pola administración para a súa posta en valor.

Powered by Wikiloc